Defiance

Aínda que tiña pensado valorar esta estrea cunha soa palabra no Twitter, Dorfun propúxome que escribise un artigo sobre a miña impresión, así que aí vai, a forza de non espremer a miña capacidade de síntese.

Tamén teño que facer unhas puntualizacións por adiantado: non me documentei nada sobre a serie nin busquei na rede, así que serán ‘primeiras impresións virxes’; e vin a serie sen subtítulos nin nada.

A conclusión á que cheguei despois de ver o piloto de 85 minutos (!) é que seguirei a ver a serie. Isto xa é unha valoración positiva.

No que se refire ao argumento tal e como o entendín, é a historia dun buscavidas e a súa filla adoptiva que actúa como narradora, ou algo así. A historia sitúase no futuro, 33 anos despois da chegada á Terra duns extraterrestres que se supón que estiveron en guerra cos terrícolas. Despois de 18 anos, chegouse a un armisticio e, aparentemente, nun mundo caótico e medio-terraformado, onde a Antártida é habitábel e todo e hai plantas e bichos raros, acaban convivindo os humanos con varias especies alieníxenas, que non cheguei a comprender aínda se son todas as que viñan nas naves ou hai híbridos ou creacións de enxeñaría xenética.

Non lembro exactamente os nomes das especies raras, pero eu bauticeinas como os “ollos grandes-quintos elementos”, os “pallasos-Yohios” e os “caras de peixe”. Tamén hai uns poucos orangutáns, uns androides-cachas e uns robots-cascuda malos malosos.

Os pallasos-Yohio falan en Arial.

Ben, pois 15 anos despois do armisticio -ou 33 despois da invasión- vemos como os protagonistas, despois de varias peripecias, acaban chegando a unha cidade-paraíso-refuxio chamada Defiance, que é realmente St. Louis. Alí conviven con máis ou menos harmonía as diferentes especies e non sei se tamén os seus híbridos.

En fin, que para non contar máis historia, diría que o que máis me gustou é o tema multicultural-multiespecie, mesmo con diálogos en lingua extraterrestre -subtitulada en inglés-. Iso, xunto con algúns elementos de humor, lémbrame -e gustaríame que tirase por aí- bastante a Farscape, de feito un dos seus autores, Rockne S. O’Bannon, foi tamén responsábel da mítica serie australiana. Ademais, os personaxes crean empatía, que é algo que non sempre acontece -e que me leva a dicirlles que non a algunhas series-.

Entre os puntos que vexo que “precisan mellorar” están a atmósfera mad-max-pó-lixo e que se bota man do ‘nunca visto’ tema de Romeo e Xulieta -non vou explicar máis-.

Pois iso, que é unha serie que, se continúa, podería chegar a crear o seu propio universo, fan-ficción e subcultura, e que para seguila haberá que consultar a Wikipedia, cousa que vou facer xa.

1 comentario

Deixar unha resposta Cancelar a resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.