A xantanza (xantar de confraternidade de blogueiros galegos) perpetrouse onte, a partir das dúas e media da tarde, no compostelán restaurante San Clodio, na rúa de San Pedro, esa que despois Yolanda Castaño rebautizou como rúa da Pel, e que agora se chama rúa da Pelexa:
Na entrañable compaña de case trinta persoas (Acedre, Arduina, Ascárida, Besbellinha, Calidonia, Dorfun, Emereci, Fer, Goretoxo & family, Ghanito, Homedareia, Ifrit, Jan, Leco & company, Marcus, Mourullo, Muralla & company, Oko, Opaco, O’Xirarei, Pawley, Snob e Xornalistiña, por orde alfabética), degustamos as especialidades da casa, e todo o mundo puido saber que non me gusta esta, pero non pasei fame, non se preocupen.
Na sobremesa, procedeuse á entrega dos agasallos do amigo inblogsíbel, iniciativa na que non puiden participar por non me ter decatado a tempo. Todo o mundo pareceu moi ilusionado cos presentes recibidos, aínda que ao final a maxia do momento foi parcialmente rota ao se teren divulgado os emparellamentos regalador-regalado.
Á saída da xantanza produciuse o momento-performance da xornada e, quizais, do ano ou do século: a pintada feita pola famosa poeta galega foi transformada na moito máis suxestiva que se ve ao comezo deste post. Tamén foi o momento de sacarse retratos co exemplar do Gara xusto antes de pasar todo o que quedaba de luz solar no parque de Bonaval. Nese marco incomparábel uns foron marchando e outros sumáronse á festa: Berto, Orsinia, El niño de la guía e Aluguer. Tamén tivemos unha sesión musical irrepetible cabo da porta da música de Chillida a cargo de Fredy Fevereiro, que tamén estivo antes no San Clodio.
O certo é que moitos estabamos demasiado entretidos falando e confraternizando. A min deume por unirme ás novas xeracións -non estas- quizais por tentarme contaxiar da súa xuventude ou por lerchear sobre os meus ex e seus actuais profesores ou pola curiosidade que eles tiñan sobre a miña promoción.
Unha vez que a mocidade explotada abandonou o parque, foi o momento do debate: que é friki? Pero non deu tempo a moito máis, porque a noite caeu rapidamente e emprendemos viaxe á zona monumental para cear e terracear un pouco.
E non podo contar moito máis, porque a min os posts quilométricos non me gusta nin escribilos nin lelos, e supoño que tampouco á maioría dos lectores. Quen queira saber máis, que veña á próxima.








foi toda unha sorpresa, modesto… (e non falo de B.M.) xD
O mesmo digo…
Foi unha xuntanza que sempre recordarei con muita alegría.
Graciñas e bicos.
Un pracer Modesto. Vémonos na próxima
Xa me está a tardar a próxima, si.
Pois “pelexa” non aparece no dicionario de referencia… deberías dicir “loita”, “refrega”… si, meu neno, refrega, refrega ben aí, na hipérbole…. ou si…
Pelexas no barro?
poc
encantado de coñecerte por primeira vez
Igualmente, aínda que non falamos moito. Máis ben, nada.
Também digo que encantado de conhece-lo
Eu pensaba que o de pelexa era insulto. Xa dicía eu que non lle queredes tan mal a Ioli.
Un saúdo e encantado de coñecerte.